SALMOS:

 

Plegaria dos Cabaleiros da Lamprea ó Río Miño

 

Cabaleiros da Lamprea,

homes de bon xantar,

de cuncas de viño,

alegres e quentes

e por montes e outeiros,

por castros e ruas,

por ríos lameiros,

henchidos de gozo

chegamos eiquí.

 

(Todos) E postos de xionllos,

a ti Pai ¡Oh, Miño!,

dámosche as gracias

polo noso festín.

 

Que o fume nas potas,

que o cheiro fragante

espalle ledicia.

Foguetes no aire,

a gaita que toque,

xa chegou o momento,

xa estamos eiquí.

 

(Todos) E postos de xionllos,

a ti Pai ¡Oh, Miño!,

dámosche as gracias

polo noso festín.

 

Lampreas do Miño,

lampreas do Tambre,

lampreas de Marzo,

lampreas de Abril,

lampreas de río,

lampreas de mar.

Todas son lampreas.

¡Lampreeiros, eiquí!

 

(Todos) E postos de xionllos,

a ti Pai ¡Oh, Miño!,

dámosche as gracias

polo noso festín.

 

A reina da festa,

démoslle o tributo

do noso xantar.

E a ti Pai ¡Oh! Miño,

de tódolos ríos

o pai e o millor,

nomeámosche hoxe:

¡LAMPREEIRO MAIOR!

.

.

Mensaxe que no día de hoxe mándanlle as lampreas os seus cabaleiros.

 

Lampreiñas. Lampreiñas,

que vindes do medio do mar,

e subides por este río;

decirnos:

¿Quén vos foi a chamar?.

 

 

Vindes pola vosa voluntá

con ledicia a rabiar,

nin que fórades de festa;

Por iso:

¿Quén vos foi a chamar?

 

 

Augas frías. Augas quentes,

moitas tivestes que pasar,

pero xa estades comnosco

e respondede:

¿Quén vos foi a chamar?

 

 

Hoxe en Cabeiras vanvos a preparar

para que os vosos Cabaleiros,

vos poidan saborear.

Pero decirnos:

¿Quén vos foi a chamar?

 

 

Haberá festa por todo o alto,

con foguetes, música e alegría

e disfrutaremos todo o día

preguntando:

¿Quén vos foi a chamar?

 

 

Mandamosvos esta mensaxe

neste día de alegría,

e rindíndovos gran homenaxe,

preguntando:

¿Quén vos guiou noite e día?

.

.

Mensaxe ás Lampreas

 

    Queridas amigas lampreas de Arbo:

    Un ano mais, os vosos agradecidos Cabaleiros estamos eiquí para saudarvos e rendirvos a garimosa e obrigada homenaxe de todo-los anos.

    Xa sabíamos que estábades agardando por nós, enamorados amantes das vosas prendas e virtudes.

    Xa oimo-las vosas queixas pola arrichada e desvergoñada invasión de conxéneres estranxeiras que, descarádamente, intentan desplazarvos das nosas mesas.

    Mais nós, que recoñecemo-lo esforzo e a entrega que fixestes carreando os vosos ovos ata estas angosturas do pai Miño, facemo-lo propósito de loitar, sen descanso, contra os que poñen atrancos a vosa peregrinaxe ata estas terras.

    Por todo iso, contade connosco e non reparedes en darno-las queixas ou pedirnos axuda.

    E dentro dun cacho, cando sintamo-lo pracer de facer carne coa vosa carne e o voso sangue encha os regueiros do noso corpo, pensade, queridas nosas, que é o abrazo apaixoado dos vosos sumisos amantes que, por querervos e vervos tan boas, cómenvos a bicos e dentelladas.

    Lampreas amigas, camiñade ledas e paseniño cara o destino que mesmas buscastes e moitas gracias pola herdanza que nos deixades para os vindeiros anos.

    Deica sempre.

.

.

Son da veiriña do mar.

 

Son da veiriña do mar,

son de terra e non o son

sei onde teño a casiña,

pero o campo-santo non.

 

Non che teño rapaza

outra cousa que dar

ques-te peixe fresquiño

qu'eu che traio do mar.

 

Meu pai deixoume a dorniña

miña nai deixoume o mar

non tiñan mais que deixarme

nin eu coido mais deixar.

 

Non che teño rapaza

outra cousa que dar

ques-te peixe fresquiño

qu'eu che traio do mar.

 

Non teño campos nin leiras

nin terriñas que labrar

pero teño unha dorniña

e toda-las augas do mar.

 

Non che teño rapaza

outra cousa que dar

ques-te peixe fresquiño

qu'eu che traio do mar.